O MAR DAS MULLERES: SUSTENTABLE E PRODUTIVO

Esta iniciativa nace como continuación do proxecto “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, que tivo a virtude de contribuír a recuperar a memoria de mulleres, silenciadas e desconsideradas durante séculos, mediante material fotográfico, entrevistas e documentación diversa. Os documentos gráficos recompilados corresponden ao período 1914-2017; neles amósanse mulleres que desempeñaron e desempeñan oficios seculares e tamén investigadoras nos eidos da educación e das ciencias mariñas.

Ao propio tempo, dáselle ao medio mariño, tamén invisible, a importancia que ten para todos os seres vivos do planeta Terra. En palabras da oceanógrafa Silvia Earle:

“Sabemos que o océano é o motor do clima e das condicións meteorolóxicas, produce a maior parte do osíxeno da atmosfera, absorbe gran parte do dióxido de carbono emitido á atmosfera, induce a química do planeta e nel está a maior parte da vida da Terra. O océano posúe o 97% da auga da Terra. As nubes xorden do mar e a auga volve á Terra en forma de choiva, neve ou saraiba. Mediante cada inspiración que realizamos, cada gota de auga que bebemos, conectámonos ao mar. Sen océano, non hai vida. Sen azul, non hai verde. Un océano con problemas significa que nós temos problemas”.

Mari Álvarez Lires

Directora académica do proxecto

A continuidade do proxecto responde á boa acollida que tivo por parte de asociacións, concellos e centros educativos e ás demandas de recursos educativos de libre acceso, destinados á educación formal, informal e non formal, nos que se integran os contidos da exposición e da web. 

O proxecto insírese nos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable e tamén nas prioridades globais da UNESCO. Responde, en particular, aos seguintes obxectivos:

Obxectivo 4. Educación de calidade: para lograr unha educación inclusiva e de calidade, e un acceso á formación técnica para todas as persoas, como motor do desenvolvemento sustentable a fin de eliminar as disparidades de xénero e ingresos.

Obxectivo 5. Igualdade de xénero: para lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas, e para rematar coa discriminación e a violencia que sofren as mulleres e as nenas en todos os lugares do mundo.

Obxectivo 14. Vida submarina. Conservar e utilizar de maneira sustentable os océanos, mares e recursos mariños. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable xeran un marco para ordenar e protexer os ecosistemas mariños e costeiros da contaminación terrestre, así como para abordar os impactos da acidificación oceánica. A mellora da conservación e o uso sustentable dos recursos oceánicos a través do dereito internacional tamén axudará a mitigar algúns dos retos aos que se enfrontan os océanos.

O obxectivo fundamental do proxecto foi o de elaborar recursos educativos abertos (REA) que permitirán:

  • Deseñar actividades que mostren a importancia do papel dos mares na sustentabilidade.
  • Amosar o papel das mulleres na sustentabilidade dos océanos, ameazados hoxe polo Cambio Ambiental Global, a través do coñecemento dos seus oficios seculares e de figuras de investigadoras notables na oceanografía e na conservación dos océanos.
  • Contribuír ao fomento de elección de estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM) entre as alumnas
  • Proporcionar recursos educativos a públicos diversos.
  • Participar na divulgación da Educación para a Sustentabilidade Oceánica, con perspectiva de xénero.

Para alcanzar estes obxectivos e aumentar a receptividade dos públicos, recorreuse a formatos dixitais (ilustracións, infografías,...), accesibles en liña desde diversos dispositivos dixitais, que permitan conectar con:

• Público en xeral

• Asociacións, ONGs, Concellos e centros educativos de todos os niveis

• Profesorado en formación do Grao en Educación Primaria, e do Grao en Educación Infantil, do Mestrado en Investigación e Innovación para Educación Infantil e Primaria, do Mestrado para profesorado de Educación Secundaria.

• Alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria

• Profesorado en exercicio de centros de Educación Primaria e Secundaria

• Profesorado universitario do ámbito educativo

Desde o panel de presentación, As mulleres do mar, a nosa protagonista Emma, unha nena moi curiosa e comprometida, convídanos a realizar un percorrido polas diferentes infografías e recursos educativos:

  • - Os océanos. O planeta azul
  • - Océanos en perigo. Ameazas para os océanos
  • - Redeiras, salga e conserva. Oficios femininos centenarios
  • - O marisqueo a pé. Un traballo de mulleres
  • - Investigadoras mariñas. Saíndo da sombra.
  • - Educación para a sustentabilidade. Sen perspectiva de xénero?

Ademais, na sección denominada EXPOSICIÓN, inclúense as fotografías dos paneis do proxecto “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, e unha recompilación de fotografías de mulleres do mar e das oceanógrafas Ángeles Alvariño González e Aida Fernández Ríos, cedidas por asociacións, coleccións particulares e o Museo Massó.

Para facilitar a navegación pola páxina, no pé da mesma pódense consultar o mapa da web, coas diferentes seccións e apartados que contén.