"Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" e "O mar das mulleres. Sustentable e produtivo" son dous proxectos que afondan no papel destacado e, moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños.
Neste sitio web recompílanse todos os materiais producidos no marco destes dous proxectos. Navegando polas diferentes páxinas pódense atopar os contidos da exposición itinerante, textos e imaxes sobre os oficios que tradicionalmente desenvolvían as mulleres, vídeos de entrevistas a mulleres relevantes, as xornadas de "bo uso e mal uso do mar" e un apartado de recursos didácticos.
Sustentabilidade en feminino é un proxecto que busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares.
Mariscadoras, redeiras, traballadoras da salga e da conserva, investigadoras mariñas e en educación, de hoxe e do pasado tiveron, teñen e terán un papel determinante no uso dos recursos mariños dun xeito responsable que garanta o seu futuro.
A través de vídeos, imaxes , entrevistas e documentación recollida por toda a xeografía galega, este proxecto no que participan a Deputación Provincial de Pontevedra, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Campus de Excelencia Internacional - Campus do Mar, coa colaboración do Museo Massó, dá voz ás mulleres que teñen o mar como medio de vida para que aporten a súa visión sobre a importancia e os beneficios da conservación dos océanos sustentables.
O mar das mulleres: sustentable e produtivo é un proxecto que continúa a andaina emprendida por Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, coa finalidade de avanzar un chanzo máis na consideración da importancia dos océanos para a vida na Terra, da súa sustentabilidade e do papel xogado polas mulleres na conservación destes a través dos oficios e das investigacións mariñas.
Nesta ocasión, trátase dun proxecto auspiciado pola Deputación de Pontevedra, inserido no sitio web do Campus de Excelencia Internacional- Campus do Mar, que ofrece recursos educativos de libre acceso para públicos diversos, susceptibles de seren utilizados en contextos de educación formal, informal e non formal.
Para facermos un percorrido polas infografías e propostas educativas, seguiremos a Emma, unha nena moi curiosa e comprometida, que nos levará desde a importancia dos océanos ata a educación para a sustentabilidade con perspectiva de xénero, segundo os Obxectivos de Sustentabilidade da ONU contidos na Axenda 2030. Polo camiño, amosaranos os perigos que axexan aos mares, axudaranos a saber máis sobre o marisqueo, a salga, a conserva e a elaboración e reparación de redes, oficios femininos centenarios, e tamén nos achegará a investigacións mariñas relevantes feitas por mulleres.