Ángeles Alvariño González (Serantes, Ferrol, 1916-La Jolla, California, 2005) foi unha prestixiosa investigadora mariña recoñecida internacionalmente.
A súa carreira científica comezou no Instituto Español de Oceanografía (1948-1957) e desenvolveuse no Reino Unido e nos Estados Unidos, fundamentalmente na Scripps Institution of Oceanography (1958-1969) e no Southwest Fisheries Research Center (1970-1987), ambos en La Jolla. Despois da súa xubilación, en 1987, continuou traballando e publicando como investigadora emérita.
Con máis de 100 traballos científicos de primeiro nivel en revistas e libros de distribución internacional, as súas investigacións máis relevantes centráronse no estudo dos quetognatos, animais mariños planctónicos que, tal e como demostrou Ángeles Alvariño, poderían empregarse como indicadores fiables de condicións oceanográficas determinadas. Foi, polo tanto, unha pioneira neste campo.
Ao longo das súas investigacións descubriu e describiu 22 novas especies planctónicas mariñas (12 quetognatos, 9 sifonóforos e 1 medusa) en mares de todo o mundo.
Os seus traballos de investigación recibiron un enorme recoñecemento internacional, incluso se considerou que estaba entre os 50 mellores científicos dos Estados Unidos do século XX.
Foi incluída na Encyclopedia of World Scientist (Oakes, 2007), que recolle a quen se considera que fixo as mellores achegas científicas a nivel mundial de todos os tempos, uns 1.000 nomes. De procedencia española soamente son Severo Ochoa, Santiago Ramón y Cajal e Ángeles Alvariño.
Texto de Alberto González-Garcés